Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

OS ADXUDICATARIOS DAS VIVENDAS PÚBLICAS DE SAN PAIO DE NAVIA COÑECEN ESTA MESMA SEMANA A VIVENDA QUE LLES CORRESPONDE

 -       A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, comprobou de primeira man o inicio dos sorteos para a asignación das 343 vivendas, que comezaron hoxe, continuarán mañá e rematarán o mércores 26 de maio.

-       Os adxudicatarios poderán visitar as súas vivendas a comezos do mes de xuño.

-        As 47 vivendas de As Roteas e as 24 do Casco Vello súmanse ás de Navia, o que suporá unha oferta total de vivenda pública en Vigo superior ás 400 vivendas que estarán dispoñibles ao longo deste ano 2010.

 
Vigo, 24 de maio de 2010.- Os adxudicatarios das vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo en San Paio de Navia coñecerán ao longo desta semana as vivendas que lles corresponden, unha vez que hoxe deron comezo os sorteos de asignación de vivendas entre os adxudicatarios no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo, e que continuarán durante a xornada de mañá e o vindeiro 26 de maio.
 
A representante do Goberno galego na cidade, Lucía Molares, comprobou esta mañá o inicio dos sorteos, que comezaron ás 10 horas coas 12 vivendas de tres dormitorios adaptadas para persoas con mobilidade reducida, para continuar ás 11 horas co cupo de vivendas de catro dormitorios, que son un total de 81.
 
A delegada territorial explicou, en declaracións aos medios de comunicación, que comezaban así os últimos trámites para que os adxudicatarios dispoñan das súas vivendas tras un longo proceso no que se tiveron que solventar moitos problemas e tras un procedemento administrativo para seguir as tramitacións establecidas que tivo que iniciar o novo Goberno galego o pasado 10 de xullo.
 
Molares recordou que a construción dos bloques de edificios supuxo un investimento final de 44 millóns de euros e resaltou que se trata de vivendas equipadas con cociña, construídas coas mellores calidades, materiais e acabados ademais de contar coa máxima calificación de eficiencia enerxética e ecolóxica gracias ao aillamento térmico da fachada, ao sistema de calefacción con suelo radiante e produción de auga quente e ao sistema de aproveitamento da enerxía solar e recuperación de calor da ventilación das vivendas.
 
Con todo, a representante da Xunta informou que os prezos das vivendas en compra venda oscilarán entre os 43.000 e 65.000 euros en función do número de dormitorios –de dous a catro-  mentras que no que respecta ao réxime de aluguer os adxudicatarios terán que aboar entre 92 e 120 euros ao mes, nos dous casos seguindo a normativa establecida e tendo en conta os ingresos máximos ponderados que marca o IPREM (Indicador Público da Renda de Efectos Múltiples).
 
Finalmente, Molares dixo que as vivendas poderán ser visitadas polos adxudicatarios a comezos do mes de xuño, co que ao remate dos sorteos exporase a lista definitiva no taboleiro de anuncios da Delegación Territorial indicando día e hora en que cada adxudicatario poderá visitar a vivenda que lle correspondeu.
 
Por último, no acto de sorteo, a Xunta de Galicia entregoulle a cada adxudicatario unha nota informativa na que se lle comunica que o día da visita á vivenda se lle fará entrega da carta de adxudicación e das instrucións para o ingresos de IVE e provisión de fondos de notaría e rexistro, no caso de vivendas en compra venda, e da fianza para os de alugueiro. A partir dese momento os adxudicatarios terán un mes de prazo, tal como establece a normativa vixente, para ingresar as cantidades correspondentes. A data e hora de sinatura de contratos de alugueiro e escrituras de compravenda será comunicada con posterioridade para rematar finalmente coa entrega de chaves.
 
En total, durante estes días repártense 343 vivendas de promoción pública despois de que a lista provisional fora aprobada pola Comisión Provincial de Vivenda o pasado 27 de xaneiro. No sorteo entraron un total de 343 vivendas, xa que das 384 construídas deben detraerse 41 para realoxos de unidades familiares anteriormente residentes na zona e que foron afectadas polo desenvolvemento do plan parcial de San Paio de Navia e cesión ao Concello de Vigo en aplicación da normativa vixente.
 
A meirande parte das vivendas adxudicadas dispoñen de tres dormitorios e superficies útiles entre 79 e 81 metros cadrados. Cumpren estas condicións un total de 159 vivendas, ás que se suman outras 12 que, contando cos mesmos tres dormitorios, a súa superficie útil está entre 87 e 88 metros cadrados, xa que se trata de vivendas adaptadas e reservadas para persoas con mobilidade reducida.
 
Con dous dormitorios (superficie entre 62 e 65 metros cadrados) hai un total de 91 vivendas e con catro dormitorios (entre 88 e 90 metros cadrados de superficie útil) un total de 81 vivendas.
 
Unha oferta superior ás 400 vivendas
Lucía Molares recordou tamén que a estas 343 vivendas de Navia, hai que sumar a oferta das 47 vivendas públicas das Roteas ademais das 24 que este ano se porán a venda e alugueiro no Casco Vello de Vigo a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia. Así, ao longo deste ano 2010, o Goberno galego fai unha importante aportación na oferta de vivenda pública para a cidade xa que porá a disposición dos vigueses e viguesas un total de 414 vivendas públicas que, coma dixo a delegada territorial, “son moi necesarias para cubrir a ampla demanda”.