Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A REHABILITACIÓN DA TINERÍA (LUGO) PREMIADA POLAS NACIÓNS UNIDAS NO “PREMIO INTERNACIONAL DUBAI” COMO EXEMPLO DE BOAS PRÁCTICAS

- So catro proxectos arquitectónicos españois, entre eles a rehabilitación da Tinería, obtiveron premio

- A exposición inaugurada hoxe en Madrid visitará tamén Lugo e Santiago de Compostela

 

Santiago, 30 de setembro de 2009.- A rehabilitación do barrio da Tinería, en Lugo, foi un dos catro proxectos arquitectónicos de vivenda españois premiados cun good no Premio Internacional Dubai 2008, un premio convocado polas Nacións Unidas no marco do “Programa de Mellores Prácticas e Liderazgo Local de Nacións Unidas”. 

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Antonio Boné, participou hoxe en Madrid na presentación do “ VII Catálogo Español y Exposición de Buenas Prácticas Premio Internacional Dubai 2008, organizado polo Ministerio de Vivenda e no que se presentou a actuación da Xunta de Galicia na rehabilitación do barrio da Tinería, en Lugo, como un exemplo de boas prácticas. A exposición inaugurada hoxe en Madrid será itinerante e poderase ver en Lugo e Santiago de Compostela. 

Na xornada expuxéronse catro ponencias sobre os catro premios a proxectos españois, centrados na cidade e o cambio climático, enerxía e medio ambiente, recuperación do medio rural e rehabilitación de cascos históricos. Precisamente neste último apartado foi onde se incluíu a actuación no barrio da Tinería, cun relatorio de Jorge Carballeira, xerente de Xestur Lugo, titulada “Re-Habitando a Tinería”. 

Na súa ponencia Carballeira explicou como a finais dos anos 90 a Tinería, un barrio do casco histórico de Lugo, situado dentro da muralla e moi preto da catedral, se atopaba tremendamente degradado, tanto dende o punto de vista arquitectónico como social. A maioría das edificacións do barrio estaban entón arruinadas ou en proceso de ruína, mentres que no barrio so sobrevivían algúns locais hostaleiros e unha actividade principal: a prostitución. 

En 2001 o IGVS decide acometer un ambicioso programa de recuperación do barrio por medio de dúas actuacións, consistentes na rehabilitación arquitectónica dos edificios e a urbanización dos solares baleiros, por unha parte, e a recuperación do antigo carácter residencial do barrio, rehabitándoo, por outra. 

A primeira actuación realizaríase a través da compra e rehabilitación de edificios e a segunda destinando as vivendas resultantes a menores de 35 anos en réxime de alugueiro, previa cualificación das vivendas como de promoción pública. 

Decidiuse entón a adquisición de 55 unidades edificatorias mediante un convenio con Xestur Lugo por importe de 6.135.570 €. Posteriormente, este convenio complementase con outros dous, subscritos nos años 2002 e 2004, ata chegar á cifra de 34.698.921,85 € de investimento, destinada á compra de inmobles, traballos técnicos, obras de rehabilitación e urbanización, etc., para lograr a rehabilitación integral de 44 unidades edificatorias e a xestión de dúas Unidades de Intervención. Estimouse que o resultado final sería a creación de 129 vivendas, 24 locais en planta baixa, 2 edificios de oficinas, un centro de día, unha gardería e un centro de documentación do Casco Histórico. 

Adquisición

Os principais problemas da actuación apareceron na fase de adquisición dos inmobles, xa que foi preciso realizar tódalas compras de común acordo cos propietarios, sen poder acudir á expropiación dada a falta de precisión xurídica do PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior). 

No proceso de adquisición foi preciso resolver múltiples problemas derivados da falta de documentación de moitas dos edificios, a existencia de múltiples propietarios en cada caso, do descoñecemento de moitos deles dos límites da propiedade e moitos outros. Como exemplo citar que a media de herdeiros por inmoble adquirido era de 18, chegándose a 68 nun caso concreto. 

Rematada a adquisición foi preciso realizar actuacións de urxencia, con apeos, apuntalamentos, impermeabilización de medianeiras, reparación de cubertas, demolición de elementos en risco de derrube, como algunhas chemineas, e tapiado de portas e fiestras. 

Proxectos e lizenzas

Para evitar unha uniformidade do proxecto que desvirtuase a realidade dun barrio antigo, os edificios adquiridos agrupáronse por lotes e finalmente se contrataron 15 equipos de arquitectos para a redacción dos proxectos de rehabilitación doutros tantos lotes, que incluían un ou varios dos edificios a rehabilitar. 

O elevado número de arquitectos traballando no proxecto obrigou a crear unha oficina de supervisión e coordinación, que ademais fixou os criterios básicos da actuación co propósito de conseguir que a rehabilitación fora o máis respectuosa posible co patrimonio existente, conservando e poñendo en valor todos aqueles elementos de singular valor arquitectónico, prestando especial atención ás vivendas para persoas con mobilidade reducida e mantendo un elevado nivel de calidade. 

O principal problema que se presentou nesta fase foi a lentitude na obtención das preceptivas licencias, con prazos que oscilaron entre ano e medio e dous anos, chegándose nalgún caso a tres anos, co conseguinte deterioro engadido dalgúns edificios. 

Escavacións arqueolóxicas

Inicialmente so estaba previsto escavar ata o nivel necesario para a instalación dos servizos precisos para as vivendas, pero as catas realizadas en tódolos edificios adquiridos, realizadas seguindo os criterios dun arqueólogo experimentado no subsolo da cidade de Lugo, levaron a realizar varias escavacións non prevista inicialmente, co achado de importantes restos, como o tramo máis longo da cidade da cloaca romana, en perfecto estado de conservación. 

Os restos arqueolóxicos atopados nestas escavacións serán postos en valor co apoio doutras institucións. 

Edificación

Resoltos tódolos trámites administrativos, as obras de rehabilitación comezaron a principios de 2005, atopándose múltiples dificultades derivadas do estado de conservación dos edificios, problemas de acceso de determinados materiais a causa do tamaño das portas da muralla, e a necesidade de construír conducións subterráneas para enerxía eléctrica, alumeado público e telefonía, que non foran construídas cando o concello renovou as rúas do barrio. 

Transcorridos 7 años dende o primeiro convenio asinado entre o IGVS e Xestur, o resultado é o seguinte: 

            Edificacións adquiridas: 47

            Solares adquiridos: 11

            Edificacións rematadas:15

            Edificacións en obra: 18    

            Edificacións pendentes de licenza: 1

            Edificacións en proxecto: 2

            Edificacións pendentes de compra: 1

            Unidades edificatorias pendentes de destino: 2

            Edificacións en rehabilitación por la S.A. do Xacobeo: 2 

O remate de tódalas actuacións iniciadas polo IGVS na Tinería está previsto para finais de 2012, pero serían precisas outras actuacións en edificios non adquiridos que incumpren os deberes de conservación e rehabilitación, polo que aproveitando a presenza nesta presentación se solicitou a colaboración do Ministerio de Vivenda para o remate da actuación. O IGVS tamén agarda unha maior implicación do Concello de Lugo en temas como a seguridade no barrio e a axilidade na concesión de licencias para as obras pendentes.